Friday 03 de May de 2024

Enrique Paisal recibiu o cariño masivo dos veciños no acto de nomeamento do Conservatorio Profesional de Riveira


 

O Conservatorio de Música Profesional de Riveira xa se denomina oficialmente “Enrique Paisal” logo de que na tarde de onte tivese lugar un concorridísimo acto institucional de nomeamento do mesmo.

O programa do evento comezou dentro dun salón de actos que se quedou pequeno para a ocasión, onde unha vintena de alumnos e alumnas deste centro interpretaron pezas de Elgard, Haydn, Grieg, Heller ou Brahms, entre outros compositores.

Acto seguido, os asistentes saíron fóra do edificio para descubrir tanto a placa como un panel no que se describe a biografía de Enrique Paisal Rego, director fundacional do Conservatorio e antes diso integrante do mítico grupo Los Tamara, un dos máis recoñecidos na historia da música popular feita en Galicia.

Na súa intervención, o alcalde Manuel Ruiz manifestou que este recoñecemento serve unha vez máis para “enorgullecernos por un dos nosos” como xa aconteceu nos últimos meses con outros veciños como Manuel Ayaso, Xoán Fernández, María Vilas e Ana Peleteiro. A continuación falou o director do Conservatorio, Álvaro López, quen lembrou a historia deste centro e mostrou a súa emoción por este merecido acto.

O último en intervir entre continuos aplausos foi un Enrique Paisal embargado polas bágoas que afirmou que era unha honra para el este nomeamento e tivo palabras de cariño para a súa familia, amigos e para toda a cidadanía do municipio de Riveira.

O acto rematou coa actuación da Coral Polifónica Municipal de Riveira, que Paisal dirixe, interpretando o himno de Riveira (cuxa música foi composta por el) e o himno de Galicia.